Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Ordes abre o prazo para participar nas actividades culturais e deportivas


De febreiro a abril impartiranse clases de cociña, fotografía dixital, Pilates preparto, patchwork, baile e informática. Aberta tamén a inscrición previa para obter o carné de manipulador de produtos fitosanitarios

O Concello de Ordes abrirá a partir do vindeiro martes, 19 de xaneiro, o prazo para inscribirse nas actividades do seu circuíto cultural e deportivo. Os cursos desenvolveranse ao longo dos meses de febreiro, marzo, abril e maio. As persoas interesadas deberán apuntarse ata o día 29 deste mes no Departamento de Cultura e Deporte, situado no primeiro andar do Concello. Para isto será imprescindible achegar unha fotocopia do DNI á folla de inscrición, ademais do resgardo do ingreso bancario, impresos que poderán obtelos no mesmo departamento.
Nesta ocasión ofértanse as actividades de informática, nivel usuario e iniciación; fotografía dixital; Pilates preparto; patchwork; cociña, tanto para adultos como para nenos e nenas; baile, moderno, en liña para adultos e de salón por parellas. As clases desenvolveranse ao longo da semana en horario de tarde, agás no caso de informática e fotografía dixital, que serán os sábados durante a mañá. No que a prezos se refire oscilan entre os 18 e os 72 €, con importantes descontos para discapacitados/as, maiores de 65 anos ou integrantes de familias numerosas.
Por outra banda tamén se abre o prazo de inscrición previa para obter o carné de manipulador de produtos fitosanitarios, requisito necesario para poder aplicar este tipo de tratamento no campo.